As voces baixas

 

Cando comecei a ler As voces baixas de Manuel Rivas -publicado por Xerais- o meu desexo foi volver a esa idade e que esta constituíse a miña primeira lectura, por ese recordo indeleble que permanece ao ter marcado a vida lectora dunha persoa. Porque este libro é un pracer exquisito, gorentoso da palabra literaria. Porque percorrer as súas páxinas é sentir amor pola palabra impresa, ese amor que quero transmitir ao meu alumnado e non sei o consigo. Por iso, gustaríame ter arestora 14 anos e descubrir este mundo literario, o templo das miles de portas que podemos abrir cada día para percorrer novos espazos -máis afastados, máis achegados- e abraiarnos no camiño.

E aínda que sempre dixen que me gustaba máis o Manuel Rivas das "distancias curtas" (magníficos os seus artigos xornalísticos, xeniais os seus relatos curtos), agora son quen de me desdicir para proclamar a voz en grito "que ben escribe". É un pracer esta novela, con bágoa final incluída, tentando identificar na diferenza de anos o meu percorrido infantil e adolescente. Admirando o amor pola palabra, a súa importancia e a súa riqueza. Percorrendo a súa infancia, a súa adolescencia, o paso da ditadura, a intrahistoria particular... E a maleta, a maleta do emigrante, a maleta que a nosa xente nova volve coller para marchar, desta volta sen a esperanza do regreso.  E o humor, o prebe dos pobres. E a galería amatoria de personaxes, a poesía, a sutileza, a maxia, a tenrura, a humanidade, o enxeño. As experiencias compartidas.

E como contrapunto, o medo como lectora de Rivas desdebuxándose como escritor: o Rivas que afirma "Tengo la sensación de que es el primer y último libro. Tiene una parte de cántico de la vida, comenzando por cosas humildes y sinceras; también tiene una parte de viaje al lado doloroso de la vida. Está hecho con el hilo de la ironía y el hilo de la lástima". E un pecha o libro e ora "por favor, Rivas, que non sexa o último!!!". Porque queremos seguir conmovéndonos contigo, queremos seguir emocionándonos, e porque nos gusta presumir da nosa boa literatura galega.

http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2012/10/as-voces-baixas.html

María Moreira Anido