O 8 de xuño celebrouse unha xornada de moita actividade na nosa horta, cada vez máis grande e abundante. O alumnado de primeiro de ESO de Paisaxe colocou guías para as plantas feitas coas nosas canas, proteximos as cabazas con pinas recollidas aquí no outono, sementamos máis.
E tamén houbo tempo para fabricar espantallos artesanalmente, recoller algunhas leitugas e demais, e preparar uns petiscos sans e compartir. Aprendendo a cultivar, coidar o que nos nutre.
Últimos traballos na horta escolar no mes de xuño. Temos plantadas: verduras, leitugas, espinacas, patacas, nabicol, allos, xudías, pementos, tomates...perexil....
Tamén se colocaron as estacas para os tomates, as berenxenase os pementos..... por suposto non nos esquecemos das cabazas para ter colleita propia no Samaín.
Recordamos a toda a comunidade educativa da obrigatoriedade de realizar a matrícula no centro nos prazos estabrecidos, para garantir a praza escolar na Universidade Laboral. Non chega coa reserva de matrícula ou con que se estivera matriculado no curso anterior.
É preciso en tódolos casos achegarse á secretaría do IES e formalizar fisicamente a matrícula (de non habelo feito xa)
O 13, 14 e 15 de xuño, alumnado de Bacharelato e ciclos formativos realizaron unha viaxe a Madrid e Segovia. Visitaron entre outros os lugares característicos de Madrid, a exposición de Goya no Museo do Prado, o Palacio e os xardíns da Granja de San Ildefonso, o acueducto de Segovia, a súa catedral e o Alcazar. Deixamos unha galería de fotos destes momentos inesquecibles.
O xoves, día 23 de xuño, ás 17:30 horas terá lugar o Acto de recoñecemento ao mellor alumnado de Centros de Ensino Medio de Galicia. Será no Multiusos Fontes do Sar de Santiago.
Nese acto estarán 4 estudantes de segundo de bacharelato da Universidade Laboral:
- Rocío Blanco Garrido (Bacharelato de Ciencias)
- Sara Mojón Gómez (Bacharelato de Ciencias)
- Mar Valiño Ramos (Bacharelato de Artes)
- Daniel Vázquez González (Bacharelato de Ciencias)
Este recoñecemento concédese a todos aqueles alumnos/as que obtiveron unha cualificación de nove puntos ou máis na parte xeral das probas de acceso á universidade
Estarán acompañados polo titor de segundo de Ciencias, Ricardo Padrón.
Para a Universidade Laboral é un orgullo contar cun número tan elevado de alumnado de excelencia, tendo en conta ademais que outros quedaron a escasas décimas de ser tamén agraciados. ¡Felicidades rapaces/as!
Acaban de publicar os resultados das ABAU. Na universidade Laboral volvemos a ter un 100% de aprobados.
Estes son os nosos datos:
- 31 alumnos/as presentados e 31 aprobados/as
- 8 dos alumnos/as pasan dos 12 puntos
- 1 alumna con 13,64 puntos
Noraboa a todos/as
Este curso realizáronse diversas obras de mellora no Laboratorio de Química: foron substituidos a totalidade dos antigos taburetes que carecían de respaldo por uns máis modernos e funcionais; fixéronse arranxos no mobiliario respectando o orixinal da Universidade Laboral, e instalouse u proxector con equipo de son e ordenador de aula. No Laboratorio de Bioloxía tamén se instalou un armario especial para substancias perigosas cun sistema de extracción de aire.
Estes dous laboratorios, xunto co de Física e os dous talleres de Tecnoloxía constitúen unha rede de magníficos espacios específicos cos que conta o noso IES para impartir un ensino de calidade no ámbito científico.
A finais de abril os estudantes de francés de 3° e 4° de ESO e 1° de Bacharelato viaxaron a París para coñecer os principais monumentos da cidade e visitar os museos de Orsay, O Louvre, Orangerie e Rodin.
Tiveron tempo de degustar a gastronomía, de coñecer de primeira man a cultura, a diversidade francesa e de divertirse no parque Astérix. Coa mochila cargada de fotos e de mil anécdotas, volveron esgotados despois 6 días que se lles fixeron moi curtos. Visitaron Oporto e Vila Nova de Gaia, acompañados por Sonia, Sandra e Iago, dos departamentos de Francés e Educación Física.
O ano que ven máis...
O xoves día 2 de xuño o alumnado de 1º do Ciclo Superior de Mecatrónica e o alumnado de 3º de Dual Mecatronica-Robotica, asistiron á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Silleda. Enlace
Fixeron unha especial parada nos equipos agrícolas accionados de forma Hidráulia e electro-hidráulica así como da robótica aplicada a este sector. Tamén se dedicou parte da visita a visionar equipamento accionado por baterias de Lítio.
As feiras profesionais teñen unha especial importancia na Formación Profesional porque é o momento e o lugar onde as empresas presentan as novidades do sector, por iso é tan importante que o alumnado asista a algunhas delas para ver como se organizan.
O pasado xoves 26 de maio celebrouse en Lugo a Final Autonómica da Olimpíada de Matemáticas, na que participan os mellores estudantes de matemáticas de Galicia, e na que o noso centro estivo representado por Iago Trelles Fernández, de 2º C da ESO.
O diploma que obtivo Iago é un recoñecemento para el e tamén para a labor de tódolos estamentos da comunidade educativa (familias, alumnado e profesorado) que conforman o IES Universidade Laboral. Tamén para o profesorado do centro de procedencia (CEIP de Seixalvo).
Grazas por tan honorábel representación, Iago!
Co gallo do Día das Letras Galegas o IES Universidade Laboral saíu a bailar. E fixémolo ao son da Global muiñeira.
O xoves 19 de maio todos aqueles que se animaron participaron na homenaxe á nosa cultura: Alumnado, profesorado, persoal non docente e todos aqueles que se animaron a participar…, organizados por estas estupendas persoas que aparecen na foto.
Cando a Jerry Seinfiel lle regalaron unha radio de ducha dixo: “ Moitas grazas. De verdade queres música na ducha? Supoño que non hai mellor lugar para bailar que unha superficie escorregadiza xunto a unha porta de vidro”.
Saíron fóra ao campo de hockei, e seguindo os poucos e doados pasos que ten esta muiñeira fixeron isto: Deixamosvos o espectacular vídeo da actividade.
O curso que vén queremos encher o campo, así que ídevos mentalizando!!!
O venres 20 de maio o Departamento de Galego en colaboración con Vicedirección organizaron a 1ª Romería das Letras Galegas: gaiteiros, empanadas e moita música no exterior do IES ás dúas últimas horas de clase. Unha xornada festiva para conmemorar a nosa esencia. Publicaremos algúns vídeos desa xornada nas nosas redes sociais.
O pasado 21 de abril 435 alumnos e alumnas de 100 centros de toda Galicia preséntaronse á fase de zona da Olimpíada matemática. Deles 40 pasan á seguinte fase, a final galega, que se realizará en Lugo o próximo 26 de maio, e entre eles estará o alumno de 2 º ESO C, Iago Trelles Fernández. No eido das matemáticas seguimos a colleitar éxito tras éxito froito tamén do bo traballo que se está a realizar neste Departamento co alumnado e do traballo previo no CEIP de Seixalvo onde estudou a primaria.
Noraboa Iago, agora a dalo todo na final!!!
O alumnado de Sustentabilidade e Paisaxe segue facendo crecer a horta. Estes días estiveron a plantar hortalizas nos tres bancais que xa teñen traballados. Unha fantástica actividade que pon en valor o autoconsumo e os cultivos sostibles.
O pasado martes 26 de abril, o alumnado de 1º de Bacharelato de Robótica asistiron xunto cos profes de Tecnoloxía á Feira Maker que se celebrou na Cidade da Cultura de Santiago.
Alí tiveron un posto para poder exponer os seus traballos e tempo tamén para coñecer de primeira man as novidades tecnolóxicas.
Unha gran experiencia para todos eles.
Participar nesta feira foi consecuencia do traballo desde hai anos veñen realizando no Departamento de Tecnoloxía o que lle abriu as portas á Universidade Laboral para poder contar coa nosa Aula Maker e en breve a participar no proxecto da Consellería "Polos creativos"
Os alumnos/as de segundo de Bacharelato da optativa de Psicoloxía sacaron os seus traballos ao corredor inferior. Alí tedes unha exposición referida ás árbores que están representadas con materiais e texturas moi orixinais.
O pasado xoves 21 de abril varios dos nosos alumnos de 2º de ESO participaron na Olimpiada Matemática provincial. Seguro que foi unha moi boa experiencia para eles.
Ademáis como se celebrou no Centro de Formación de Profesores non tiveron nin que saír do recinto da Universidade Laboral!!!
De novo o noso alumnado visita o bosque de Ridimoas, esta vez 1º de Electromecánica B, e 2º de ESO coa optativa de Sustentabilidade e Paisaxe. É ben sabido o afecto que dende a Universidade Laboral sentimos cara este entorno e a quenes o protexen.
Grazas de novo a David por guiarnos e agasallarnos de novo con guías de campo para a biblioteca. No dia da Terra, que mellor celebración que esta!
Estupenda camiñata na visita ao Mosteiro de Carboeiro e á fervenza da Toxa que puido desfrutar o alumnado de 1º e 2º ESO da materia de Sustentabilidade e Paisaxe.
Percorreron non só o Mosteiro de Carboeiro, senón tamén a senda da horta mediciñal. De aí, atravesaron a Ponte do Demo e comezaron a ruta de montaña. Ó lonxe puideron comprobar como o mosteiro e a paisaxe conviven en perfecto equilibrio.
Comeron no mellor restaurante do mundo: a natureza. E conseguiron por fin, despois do esforzo, o desexado obxectivo: a fervenza da Toxa.
Tempo de descanso, de baño, de merenda compartida. Unha xornada sen dúbida, valiosa e para recordar.
Un ano máis visitamos Ridimoas. O alumnado de Paisaxe de 1º de ESO pasou unha xornada disfrutando deste fermoso entorno protexido. Árbores, paxaros, anfibios, en fin, aprendizaxe en directo.
E así, de xeito práctico, camiñando con David, o noso guía, aprenderon a importancia de manter a natureza e o patrimonio cultural. Queremos agredecer o agasallo que recibimos: unha guía de campo para cada un de nós, de Pablo Oitabén!
Máis artigos
- Taller de percusión e novas tecnoloxías
- I Concurso de fotografía matemática
- Semana do Rugby
- 2º posto no Rally matemático
- Colaboración con PROGAPE
- Traballos de primavera na horta
- Recollida de material humanitario para Ucrania
- Clasificados por segundo ano consecutivo para o Rally matemático!!!
- Viaxe a Paris
- Colaboración con Aspamadis